O Instituto Internacional da Prensa e MIDAS abren hoxe, 12 de abril, a primeira convocatoria das bolsas NewsSpectrum.
Estas bolsas están dirixidas a xornalistas e outros profesionais de medios de comunicación de linguas minoritarias (incluídos os de linguas de poboación inmigrante e lingua romaní) e teñen como obxectivo incentivar a colaboración cos medios de linguas maioritarias, todos eles, situados na Unión Europea (UE).
NewsSpectrum dispón de financiamento para 40 bolsas en 2021 que se distribuirán en dous tipos de programas: o Collaborative Reporting Fellowship (proxectos de xornalismo colaborativo) e o Professional Placement Fellowship (estadías para profesionais).
Tipo de bolsas e prazos da solicitude
O Collaborative Reporting Fellowship está dirixido a aqueles traballos xornalísticos que se leven a cabo de maneira conxunta entre xornalistas de medios de linguas minoritarias (freelancers incluídos) e de medios de linguas maioritarias.
O traballo xornalístico pode cubrir calquera tema de interese público para a audiencia de ambos os medios de comunicación. Non obstante, daráselles prioridade a aqueles proxectos que poñan de relevo os temas ou perspectivas das minorías dentro da UE ou que analicen as relacións entre os grupos de minorías e maiorías. Tamén se tomarán en consideración aqueles proxectos que incentiven a cobertura de asuntos europeos nos medios de linguas minoritarias. Terase en conta todo tipo de proxecto xornalístico, tales como investigacións, artigos en profundidade e/ou xornalismo de datos, entre outros. Os traballos poden estar publicados en calquera formato, incluído o uso de técnicas dixitais e/ou audiovisuais de storytelling. Ademais, a reportaxe ou produto xornalístico final deberá ser publicado conxuntamente tanto polo medio de comunicación de lingua minoritaria como polo de lingua maioritaria que formen parte do proxecto.
O prazo para enviar a solicitude permanecerá aberto desde hoxe (12 de abril) ata o 28 de maio de 2021. De todos os xeitos, abriranse dous prazos adicionais para estas bolsas en xuño e agosto. Aquí ten toda a información dispoñible para este programa e aquí a páxina de preguntas frecuentes (FAQ).
O programa Professional Placement Fellowship busca promover que profesionais de medios de linguas minoritarias realicen estadías curtas ou visitas de traballo en redaccións de medios de linguas maioritarias. Todos os traballadores do medio de comunicación minoritario poden optar a estas bolsas: xornalistas, directores, xefes de redacción, fotoxornalistas, community managers ou aqueles empregados a cargo da innovación dixital. Os freelancers que contribúan habitualmente co medio tamén poderán optar a este programa cuxo obxectivo é o de impulsar o intercambio de coñecemento e capacitación en varios aspectos do exercicio xornalístico: a cobertura de noticias, a transición dixital, a xestión de audiencias, a creación e mantemento de comunidades en liña ou a monetización e modelos de negocio sustentable, entre outros.
O prazo para solicitar as bolsas adxudicadas ao programa Professional Placement Fellowship permanecerá aberto desde hoxe (12 de abril) ata o 28 de maio de 2021. A diferenza das bolsas do Collaborative Reporting, estas só contarán cun único prazo para enviar a solicitude. Aquí ten toda a información dispoñible para o programa e aquí a páxina de preguntas frecuentes (FAQ).
Criterios de selección, requisitos e outros detalles da solicitude
Todos os profesionais dos medios de linguas minoritarias poden optar ás bolsas que ofrecen ambos os programas, sempre e cando os medios para os que traballen estean situados na UE ou no Reino Unido e publiquen polo menos un 51 % do seu contido no idioma propio da rexión ou lingua minoritaria (inclúense tamén as linguas dos inmigrantes e a lingua romaní). Aquí ten toda a información sobre que linguas poden optar a estas bolsas. O medio de comunicación da lingua maioritaria ou de acollida tamén debe estar situado nalgún dos países membro da UE ou no Reino Unido. Ambos os programas de bolsas buscan incentivar as colaboracións xornalísticas entre medios transnacionais.
Sempre que sexa posible, recoméndase que as estancias e/ou proxectos de xornalismo colaborativo sexan presenciais. Deste xeito, preténdese promover a construción dunhas alianzas sustentables ao longo do tempo entre medios de linguas minoritarias e maioritarias, que é un dos obxectivos do proxecto NewsSpectrum. Isto é especialmente relevante para o programa Professional Placement Fellowship. Porén, debido á pandemia da covid-19, terase en consideración a opción de realizar teletraballo sempre e cando as tarefas se leven a cabo de maneira efectiva.
En principio, ambos os tipos de bolsas deberán ter unha duración mínima de dúas semanas, aínda que existe certa flexibilidade neste aspecto. Ambos os programas, o Collaborative Reporting e Professional Placement Fellowship , poden levarse a cabo en calquera momento dentro do período comprendido entre xuño e o 31 de decembro de 2021.
Tanto o profesional empregado polo medio de lingua minoritaria como o medio de lingua maioritaria poderán pedir ata 6 000 € cada un por bolsa. Para os xornalistas de lingua minoritaria, a bolsa pode cubrir o salario (que se lle reembolsará integramente ao seu medio de comunicación) e os custos de manutención (como, por exemplo, a comida e estadía nun hotel ou similar). Os custos de viaxes estarán cubertos adicionalmente. Para os medios de lingua maioritaria, o medio de acollida, a bolsa tamén pode cubrir os custos de salarios e, no caso de que fose preciso, os custos da viaxe. En total, NewsSpectrum ten unha dotación de 480 000 € para subvencionar estas bolsas en 2021.
Todos aqueles profesionais de medios de comunicación interesados deberán ler a información dispoñible de ambos os programas, os criterios de selección e requisitos para solicitar as bolsas na páxina web de NewsSpectrum. Todas as solicitudes se deberán entregar en inglés. Recoméndaselles ás persoas interesadas que teñan acordada a cooperación dun medio maioritario ou de acollida antes de enviar a solicitude. Se non fose posible, as organizacións que xestionan o proxecto NewsSpectrum intentarían poñer en contacto a potenciais candidatos de linguas minoritarias con medios de comunicación de acollida.
Os candidatos serán seleccionados por un comité formado por cinco membros entre os que se inclúen expertos independentes. Os programas comprométense a protexer e respectar a independencia editorial de todos os profesionais e medios de comunicación aos que se lles outorgasen as bolsas.
Información xeral sobre as bolsas
NewsSpectrum é unha iniciativa conxunta do Instituto Internacional da Prensa (IPI, polas súas siglas en inglés) e a Asociación de Xornais en Linguas Minoritarias e Rexionais (MIDAS). O proxecto tamén conta co apoio do Instituto Europeo para a Arte e Cultura Romaní (ERIAC).
NewsSpectrum é un programa deseñado para promover a colaboración entre os medios de linguas minoritarias, incluídos os medios de linguas migrantes e romaní, e os medios de linguas maioritarias en toda a UE. As bolsas de NewsSpectrum teñen como obxectivo incentivar a cooperación entre os dous grupos e reforzar a sustentabilidade dos medios de linguas minoritarias como unha peza fundamental para garantir a pluralidade de medios na Unión Europea. O programa tamén busca fomentar unha cobertura informativa rigorosa sobre temas que implican minorías e incluír a perspectiva de membros destes grupos nas redaccións dos medios de comunicación de masas.
O programa NewsSpectrum é un proxecto piloto cofinanciado pola Comisión Europea (DG Connect) e con financiamento adicional de ERIAC. Anunciaranse novas colaboracións a medida que se vaian confirmando.
Dúbidas e preguntas?
Recomendámoslles a todas as persoas interesadas que, antes de iniciar o proceso de solicitude de bolsas, visiten a páxina web de NewsSpectrum, en especial, a sección de preguntas frecuentes FAQ page. Para calquera tipo de pregunta ou se require máis información, non dubide en poñerse en contacto.
Contactos
Milica Miletic, IPI, [email protected]
Anna-Kira Pirhofer, MIDAS, [email protected]
Coñece ás últimas noticias sobre as bolsas! Subscríbete ao newsletter de NewsSpectrum.
The NewsSpectrum programme is co-funded by the European Commission within the framework of the pilot project “Internship opportunities for Minority Language Media”, with additional financial support from ERIAC. Further partnerships will be announced as they are confirmed.
(Photo by Finn Hackshaw on Unsplash)